Hoxe visitamos a fermosa vila de Baiona, que nos recibe co sorriso das Illas Cíes deitadas no leito trémulo das súas ondas. Nada máis chegar, divisamos as ameas da Fortaleza de Monterreal, que presiden a vila con solemnidade. Camiñamos polo seu paseo marítimo e topámonos co monumento dedicado a Martín Alonso Pinzón, capitán da carabela "La Pinta", unha das tres naves que participou no descubrimento de América. A escultura foi cedida polo Ayuntamiento de Palos de la Frontera, a localidade andaluza da que partiron as tres naves do almirante Cristóbal Colón o 3 de agosto de 1492.
![]() |
Estatua de Martín Alonso Pinzón no pase
marítimo de Baiona.
|
Porque Baiona é unha vila marcada profundamente por un acontecemento histórico: o Descubrimento de América. O 3 de agosto de 1492, as tres naves da expedición de Cristóbal Colón partían do porto de Palos de la Frontera. O 12 de outubro de 1492, data en que se celebra o Día da Hispanidade, o mariñeiro Rodrigo de Triana avistaba as costas americanas ao célebre grito de "¡Tierra!". Despois de descubrir o novo continente, o 1 de marzo de 1493, a carabela "La Pinta", capitaneada por Martín Alonso Pinzón, arribaba ao porto de Baiona, que se convertía así na primeira vila de Europa en saber a noticia do descubrimento do Novo Mundo.
![]() |
Placa conmemorativa que explica a travesía
da carabela "La Pinta".
|
Na actualidade celebrase a popular Festa da Arribada, que conmemora esta efeméride. Tamén se pode admirar en Baiona un fermoso monumento de pedra chamado "Encontro entre dous mundos", que foi inaugurado polo príncipe de Asturias, hoxe Felipe VI, en 1993, con motivo do V centenario da chegada da carabela de Pinzón a Baiona. Como dato curioso, sabede que o interior da bola de pedra que representa o mundo contén mostras de terra traídas dos 22 países latinoamericanos.
Monumento "Encontro entre dous mundos" na Vila de Baiona.
Deixamos atrás ao capitán Pinzón e dirixímonos a Monterreal, a fortaleza que leva defendendo a vila de Baiona desde séculos. Pasamos a carón da Praia das Cuncheiras, en que moitos bañistas e curiosos aproveitan o bo tempo, mentres os nenos xogan a carón das ondas do mar, libres aínda de toda preocupación. Pasamos debaixo dos solemnes arcos da fortaleza, que lucen esculpidos os escudos heráldicos e brasóns da dinastía dos Austrias.
Unha vez dentro, percorremos as murallas que presenciaron tantas batallas no pasado. Aínda parece vir un olor a pólvora, lembranza dos moitos asedios que tivo que soportar este porto galego situado nun enclave marítimo tan estratéxico. As naves romanas de Xulio César, as tropas do caudillo musulmán Almanzor, as armadas de Inglaterra e Portugal; innumerables invasores loitaron polo control desta praza galega tan ben situada. Por algo Felipe II chegou a dicir: "Bayona, llave de mis reinos."
Entrando na Fortaleza de Monterreal.
Unha vez dentro, percorremos as murallas que presenciaron tantas batallas no pasado. Aínda parece vir un olor a pólvora, lembranza dos moitos asedios que tivo que soportar este porto galego situado nun enclave marítimo tan estratéxico. As naves romanas de Xulio César, as tropas do caudillo musulmán Almanzor, as armadas de Inglaterra e Portugal; innumerables invasores loitaron polo control desta praza galega tan ben situada. Por algo Felipe II chegou a dicir: "Bayona, llave de mis reinos."
Ameas e torres da Fortaleza de Monterreal.
Á sombra das árbores e co canto libre das gaivotas como pano de fondo, seguimos o percorrido das murallas que bordean a costa de Baiona, sempre coa presenza das Illas Cíes no horizonte. Vemos tamén os outros portos mariñeiros veciños, separados polas augas da ría. Entre vellos canóns e torreóns defensivos, camiñamos polas murallas desde as que se avistaron as velas da carabela de Pinzón aquel 1 de marzo, despois de navegar os mares do continente americano.
Un dos moitos canóns e torreóns que defendían a Fortaleza de Monterreal.
Logo de percorrer as murallas de Monterreal, dirixímonos ao porto para visitar a réplica da carabela "La Pinta". Os seus mastros descansan da súa célebre singladura no porto, mecidos polas ondas do mar de Galicia. Hoxe está adaptada como un museo dedicada á cultura colombina. Nel pódense ver cómo foi esa primeira viaxe a América: as vicisitudes que sufrían os mariños nas súas travesías rumbo as Indias, as armas que levaban para defenderse, cómo preparaban os seus alimentos a bordo, as instrumentos de navegación empregados nas súas viaxes, as rutas que seguían, a súa relación cos indios nativos...
Réplica de "La Pinta" exposta no porto de Baiona.
Saímos da réplica da carabela máis famosa da historia e dirixímonos ao corazón da vila. No peirao flamean as bandeiras de todos os países americanos, en conmemoración do Descubrimento que tanto marcou a historia desta vila da costa pontevedresa. Camiñamos xa polas estreitas rúas de pedra do casco histórico, un fermoso labirinto de tabernas e restaurantes ateigadas de comensais e de casas brasonadas que dan fe da nobreza dos liñaxes da vila. Gozamos da hospitalidade dos baioneses e dos manxares que nos serven. Cantan as gaivotas barcarolas aprendidas en illas ignotas sobre os tellados dos fogares baioneses, mollados de salitre mariñeiro.
A fermosa Rúa das Tres Carabelas de Baiona.
Invitámosvos de todo corazón a que visitedes a Real Vila de Baiona. Merece moito a pena. Non vos arrepentiredes de camiñar polas murallas da fortaleza de Monterreal, nin de coñecer a réplica da célebre carabela, nin de percorrer as súas acolledoras rúas de pedra. Para nós é hora de marchar. As nubes viaxan xa polo ceo de crepúsculo como carabelas brancas rumbo de portos ignotos. Deixamos atrás a Real Vila de Baiona, que nos despide coa visión das Illas Cíes pousadas coma tres esmeraldas nas ondas do mar. Adeus, Baiona: Volverémonos ver.
Un canón da Fortaleza de Monterreal apuntando cara ás Illas Cíes.









Ningún comentario:
Publicar un comentario