Hoxe propoñémosvos facer un percorrido polas vellas rúas de Santiago de Compostela, esa rosa de pedra que floreceu séculos atrás e que xermolou do sepulcro de Santiago, traído polos seus discípulos nunha barca de pedra desde o porto palestino de Jaffa. A vella cidade compostelá, presa nun eterno cárcere de chuvia, recíbenos co misterio das súas pedras sagradas, pedras que gardan a historia de Galicia.
![]() |
| Vista das torres da catedral desde a Alameda. |
Empezamos o noso paseo na Alameda, cuxos bancos saben os bicos que se dan os namorados estudantes de Compostela, nas noites estreladas da súa xuventude. Sentada nun destes bancos, a estatua de bronce de Don Ramón del Valle-Inclán contempla cos seus ollos a fachada da catedral, as altas torres que custodian os restos do fillo de Zebedeo, o devir constante da xente: en fin, a Compostela que tantas veces aparece nas súas obras. Tamén medita coa cabeza apoiada na man a nosa melancólica Musa, Rosalía, que durme xa para sempre na paz de Bonaval.
Cruzamos despois e pasamos ao centro histórico polo que antes era a Porta Faxeira, unha das sete portas da muralla que cercaba Santiago na Idade Media, cando esta era unha das capitais da Europa cristiá. Escoitamos o balbordo da rúa do Franco, que debe o seu nome aos peregrinos (na súa maioría franceses, por iso o nome de "Franco") que se namoraron do Campo das Estrelas despois de chegar ao templo do Apóstolo e quedaron xa para sempre en Galicia. Seguimos logo pola praza do Toural, en que cantan as linguas prateadas da fonte e Ajax, esculpido no brasón do Pazo de Bendaña, terma canso da bola do mundo.
![]() |
| Praza do Toural, co Pazo de Bendaña (Museo Eugenio Granell) ao fondo. |
Camiñamos xa pola rúa do Vilar. Refuxiámonos nos seus fermosos soportais da chuvia, esa chuvia de séculos que leva lambendo as pedras santiaguesas desde que Xelmírez petaba co seu báculo nas rúas medievais e o Mestre Mateo cicelaba o sorriso de Daniel no Pórtico da Gloria. Chegamos a Praza das Pratarías. Nela, os tres cabalos de pedra cuspen húmidas fervenzas polas súas bocas abertas. A torre do Reloxo, a famosa Berenguela, toca badaladas que resoan no aire do crepúsculo.
![]() |
| Praza das Pratarías, coa fonte dos cabalos e a torre do Reloxo ou Berenguela. |
Subimos á Quintana, onde viu Lorca a danza da lúa que despois plasmaría nos seus poemas galegos. Pasamos diante da Porta Santa. Alí, a figura de pedra de Santiago, coa súa cuncha de vieira e o seu bordón de peregrino, agarda a chegada do Xacobeo para que veñan de todas as partes do mundo os seus fieis peregrinos. Metémonos pola Rúa da Acibechería e saímos á Praza da Inmaculada, onde nos recibe con solemnidade a fachada do Mosteiro de San Martiño Pinario. Despois da reforma promovida polos Reis Católicos, este cenobio gobernou todos os mosteiros bieitos galegos e converteuse na abadía máis poderosa de toda Galicia. Despois collemos cara o Obradoiro. Debaixo dos arcos do Pazo de Xelmírez un gaiteiro toca a súa eterna muiñeira, que resoa con ecos de séculos remotos.
![]() |
| Fachada barroca do Mosteiro de San Martiño Pinario. |
E por fin chegamos ao Obradoiro. Na praza máis emblemática de Galicia descansan do seu Camiño os peregrinos, que pousan os ollos cansos e felices na maxestuosidade das torres do templo. Anoitece. Os derradeiros raios do solpor caen enriba da fachada do Hostal dos Reis Católicos, antigo Hospital Real de Santiago. No Pazo de Raxoi vemos a efixie de Santiago Matamouros. É hora de marchar. Mais antes de regresar, entramos no Colexio de San Xerome, sede da Univerdidade de Santiago de Compostela. Todos os universitarios galegos deberiamos pasar por alí. Alí naceu a Universidade de Galicia. No claustro de Fonseca, o arcebispo medita coa man apoiada na fronte. E, con orgullo, lemos as letras inscritas: Gallaecia Fulget. Ese é o lema dos universitarios galegos: Traballar para que Galicia brille.
![]() |
| Claustro de Fonseca, coa estatua do arcebispo fundador da Universidade. |






Ningún comentario:
Publicar un comentario