Desde o 10 de outubro de 2017 até o 4 de marzo de 2018, o Pergamiño Vindel, unha xoia da literatura medieval europea que contén as sete cantigas de Martin Codax coa súa notación musical, puidose visitar no Museo do Mar de Vigo, na Avenida Atlántida da cidade olívica, a carón mesmo da praia de Samil.
O manuscrito estivo reodeado de obxectos que nos axudaban a mergullar nos tempos dos vellos xograres: zanfonas de madeira tocadas no tempo das fermosas soldadeiras esquecidas, organistrums construidos a imitación dos que teñen nas mans os anciáns da Apocalipse no Pórtico da Gloria de Compostela, vellas Biblias de follas amarelentas traídas que pertenceron a catedrais españolas, chaves oxidadas que noutros días abrían as portas das cidades medievais, columnas e bóvedas das antano tan poderosas abadías galegas (Sobrado dos Monxes, Samos, Armenteira, Oseira...). E, como pano de fondo, as illas dos deuses ou illas Baionas, as Cíes, deitadas no leito verde das ondas polo pincel de don Urbano Lugrís.
Viaxamos as alboradas dos séculos medievais, séculos en que soaban ledas barcarolas ao pé das ermidas e cantaban as amigas espidas debaixo das abidueiras en flor. Tempos dos trobadores, que tocaban as súas cítaras nas Cortes Rexias de Portugal e Castela, falándolles aos poderosos monarcas de cervas namoradas pacendo nas fragas perdidas e de donas de cristal que procuraban os seus amigos na soidade das illas.
Este mundo perdido de cantigas e cabaleiros rexurdiron das súas cinzas coa chegada do Pergamiño Vindel a Galicia. Os versos do noso Martin Codax volveron ao lugar en que foron compostos. Agora o Pergamiño Vindel xa regresou aos Estados Unidos e na actualidade está na Morgan Library Museum de Nova York, na cidade dos grandes edificios que bican as xélidas augas do río Hudson. Agardamos que retornen as cantigas de Martin Codax algún día para Galicia, o seu fogar e berce, e que volvan escoitar a canción eterna das ondas do mar de Vigo.
![]() |
| O Pergamiño Vindel, a xoia da literatura medieval galego-portuguesa que contén as sete cantigas de Martin Codax coa súa notación musical, exposto no Museo do Mar de Galicia |

Ningún comentario:
Publicar un comentario