No concello pontevedrés da Estrada, gobernando fragas e veigas que regan as augas escuras do Ulla, atopámonos co pazo de Oca, unha das construcións nobiliarias máis representativas e mellor conservadas de Galicia. O pazo actual data dos séculos XVII-XVIII, constituíndo unha xoia da arquitectura barroca galega. Nada máis chegar recíbenos a sinxela solemnidade dun vello cruceiro de granito.
O cruceiro diante da capela do pazo de Oca.
Escuplidos nas paredes e nos dinteis, os seus melancólicos escudos heráldicos e brasóns, que locen elmos de pasados cabaleiros e figuras de dragóns e leóns rampantes, lembran os tempos en que florecían os Cancioneiros medievais galego-portugueses e peregrinos de todas as nacións europeas chegaban a Galicia para visitar o sepulcro do fillo de Zebedeo que custodian as altas torres compostelás, tempos idos para sempre...
Un escudo señorial coas armas do pazo diante do estanque.
Este pazo tamén é coñecido como o "Versalles Galego". Este alcume ilustra ben a magnificencia desta fermosa casa señorial, un dos pazos mellor conservados de Galicia. Os seus xardíns, beirados de recendentes magnolios e floridas camelias, parecen sacados dun conto de fadas e nas súas ribeiras ben poderían nadar as ninfas dos bosques gregos. Nas augas do lago navegan nenúfares, chuchameles e follas murchas que caen nas longas tardes outonizas. Nos pequenos estanques vese a brancura aristocrática dos cisnes. De cando en vez, aparecen estatuas de granito con forma de gárgolas ou vellos deuses esquecidos. O chafariz verte cantigas de prata polos seus canos de pedra barroca. Sen dúbida, este pazo ten ben merecido ser coñecido como "Versalles Galego". Quen lle dera a Luis XIV, "Le Roi Soleil", ter paseado polas longas avenidas e sendeiros do pazo de Oca coa súa pomposa perruca nun crepúsculo de verán, cando viaxan as nubes tinguidas de sangue polos ceos como brancos galeóns camiño de portos ignotos e proclaman as badaladas da veciña Compostela a chegada das festas do mes de Santiago!
O fermoso chafariz barroco dos xardíns do pazo de Oca.
Aínda que actualmente pertence á Fundación Casa Ducal de Medinaceli, o pazo pódese todos os días de sol a sol. Recomendámosvos que vos acheguedes algún día. Paga a pena. Unha das mellores épocas para visitar o monumento son os meses de xaneiro a abril, que coinciden coa floración da camelia. Non vos arrepentiredes de camiñar debaixo dos seus arcos vexetais, de contemplar as súas pedras ciceladas con ornamentación barroca, de respirar o seu recendo de lendas e namoros esquecidos. E, cando marchedes, asegurámosvos que creeredes ter estado nos perdidos xardíns da mítica Babilonia ou do bíblico Edén.



Ningún comentario:
Publicar un comentario