luns, 17 de xuño de 2019

Último día de estío

Mentres camiñamos, Xico move soamente a súa cacholiña cando eu asubío para chamalo, como se os chirlos do pardal e da pega non existisen. Debe ser que o seu ouvido só me busca a min, ou que, sinxelamente, non son máis que un elemento alleo á natureza coa que el está fundido. A estrada dá lugar a un vieiro polo que vai meu pai coa súa cuadrilla cando van pescaren ao río. Xico levanta con cada pisada unha pequena voaxa de po que cae de novo como chuvia miúda. Compracente, vai ao mesmo paso ca min; o noso ritmo é harmónico.

—Eh, Xicón, que che parece sentármonos por aquí?

venres, 17 de maio de 2019

Día das Letras Galegas 2019

Estamos a 17 de maio de 2019, Día das Letras Galegas. Desde 1963, cen anos despois da publicación dos "Cantares Gallegos" de Rosalía, celebramos os autores que mantiveron o galego vivo coa súa obra. Esta vez homenaxeamos a Antón Fraguas. Fraguas traballou por Galicia toda a súa vida como xeógrafo, historiador, antropólogo, etnógrafo... Mais é recordado sobre todo por ter sido fundador do Museo do Pobo Galego, institución que conserva con devoción os vestixios do noso pasado.


Escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego.

Por iso dirixímonos a Santiago de Compostela para visitar o Convento de Santo Domingo de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego. Os obxectos conservados no museo fálannos da historia do noso pobo: podemos ver as réplicas das dornas en que navegaban os mariñeiros antano polas nosas rías, as zafras e martelos dos ferreiros das nosas aldeas, as fouces e que colleron as mans encallecidas dos nosos antepasados... Por suposto tamén están presentes os elementos festivos: as gaitas que tocaban as vellas alboradas e muiñeiras, as cantigas entoadas polos nosos ancestros, as máscaras dos peliqueiros e cigarróns que brincan polas corredoiras ourensáns...


Traxes tradicionais do Entroido expostos no Museo do Pobo Galego.

Despois de ter percorrido todas as salas do museo, de ter descuberto mellor os segredos da nosa historia, dirixímonos a igrexa do Convento de Santo Domingo de Bonaval, onde descansan as cinzas sagradas dos máis ilustres galegos. Baixamos as características escaleiras de caracol e chegamos ao claustro, onde resoan os cantos dos paxaros e se pousan os derradeiros raios do crepúsculo.


Claustro do Convento de Santo Domingo de Bonaval.

Cun respecto relixioso, entramos na capela. Alí, detras do frío mármore, descansan as cinzas dos fillos máis egrexios de Galicia: Castelao, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas, Domingo Fontán... E Rosalía, por suposto. Se non fora por ela non habería Día das Letras Galegas. Diante do seu sepulcro, coa cabeza reclinada, dámoslle grazas a quen máis fixo por Galicia, á nosa musa de tristes suspiros e negras sombras. E dámoslle grazas tamén a Antón Fraguas e a todos os que, como dixo Cunqueiro, fixeron e fan que Galicia dure mil primaveras máis.


Sepulcro de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.

mércores, 15 de maio de 2019

Cando entenderei que a vida vai en serio?

Hai tempo escoitara, sen me fixar apenas, un poema de Jaime Gil de Biedma nunha canle de YouTube. O seu título era "No volveré a ser joven". Por estes pequenos azares do fado cuxo valor reside en que somos conscientes de que ocorren, nun seminario de tradución de poesía un dos exemplos era este mesmo poema. Tornando a casa comecei a relelo e a pensar no seu contido.

domingo, 5 de maio de 2019

O xardín de San Carlos


No corazón da Cidade Vella coruñesa, ese labirinto de rúas empedradas que pisaron antano Pardo Bazán e Rosalía, o xardín de San Carlos custodia con devoción o sepulcro do cabaleiro británico sir John Moore. É un lugar máxico: os merlos cantan nas ramas das árbores seculares, as follas murchas alfombran os sus íntimos sendeiros e, ao lonxe, vénse as brancas galerías da Cidade de Cristal, incendiadas polo lume do crepúsculo.

O busto de cabaleiro británico sir John Moore
no xardín de San Carlos. 

domingo, 28 de abril de 2019

Real Vila de Baiona


Hoxe visitamos a fermosa vila de Baiona, que nos recibe co sorriso das Illas Cíes deitadas no leito trémulo das súas ondas. Nada máis chegar, divisamos as ameas da Fortaleza de Monterreal, que presiden a vila con solemnidade. Camiñamos polo seu paseo marítimo e topámonos co monumento dedicado a Martín Alonso Pinzón, capitán da carabela "La Pinta", unha das tres naves que participou no descubrimento de América. A escultura foi cedida polo Ayuntamiento de Palos de la Frontera, a localidade andaluza da que partiron as tres naves do almirante Cristóbal Colón o 3 de agosto de 1492.

Estatua de Martín Alonso Pinzón no pase
marítimo de Baiona. 

Porque Baiona é unha vila marcada profundamente por un acontecemento histórico: o Descubrimento de América. O 3 de agosto de 1492, as tres naves da expedición de Cristóbal Colón partían do porto de Palos de la Frontera. O 12 de outubro de 1492, data en que se celebra o Día da Hispanidade, o mariñeiro Rodrigo de Triana avistaba as costas americanas ao célebre grito de "¡Tierra!". Despois de descubrir o novo continente, o 1 de marzo de 1493, a carabela "La Pinta", capitaneada por Martín Alonso Pinzón, arribaba ao porto de Baiona, que se convertía así na primeira vila de Europa en saber a noticia do descubrimento do Novo Mundo.


Placa conmemorativa que explica a travesía
da carabela "La Pinta". 


 Na actualidade celebrase a popular Festa da Arribada, que conmemora esta efeméride. Tamén se pode admirar en Baiona un fermoso monumento de pedra chamado "Encontro entre dous mundos", que foi inaugurado polo príncipe de Asturias, hoxe Felipe VI, en 1993, con motivo do V centenario da chegada da carabela de Pinzón a Baiona. Como dato curioso, sabede que o interior da bola de pedra que representa o mundo contén mostras de terra traídas dos 22 países latinoamericanos.


Monumento "Encontro entre dous mundos" na Vila de Baiona.

Deixamos atrás ao capitán Pinzón e dirixímonos a Monterreal, a fortaleza que leva defendendo a vila de Baiona desde séculos. Pasamos a carón da Praia das Cuncheiras, en que moitos bañistas e curiosos aproveitan o bo tempo, mentres os nenos xogan a carón das ondas do mar, libres aínda de toda preocupación.  Pasamos debaixo dos solemnes arcos da fortaleza, que lucen esculpidos os escudos heráldicos e brasóns da dinastía dos Austrias.


Entrando na Fortaleza de Monterreal. 

Unha vez dentro, percorremos as murallas que presenciaron tantas batallas no pasado. Aínda parece vir un olor a pólvora, lembranza dos moitos asedios que tivo que soportar este porto galego situado nun enclave marítimo  tan estratéxico. As naves romanas de Xulio César, as tropas do caudillo musulmán Almanzor, as armadas de Inglaterra e Portugal; innumerables invasores loitaron polo control desta praza galega tan ben situada. Por algo Felipe II chegou a dicir: "Bayona, llave de mis reinos."



Ameas e torres da Fortaleza de Monterreal. 

Á sombra das árbores e co canto libre das gaivotas como pano de fondo, seguimos o percorrido das murallas que bordean a costa de Baiona, sempre coa presenza das Illas Cíes no horizonte. Vemos tamén os outros portos mariñeiros veciños, separados polas augas da ría. Entre vellos canóns e torreóns defensivos, camiñamos polas murallas desde as que se avistaron as velas da carabela de Pinzón aquel 1 de marzo, despois de navegar os mares do continente americano.



Un dos moitos canóns e torreóns que defendían a Fortaleza de Monterreal. 

Logo de percorrer as murallas de Monterreal, dirixímonos ao porto para visitar a réplica da carabela "La Pinta". Os seus mastros descansan da súa célebre singladura no porto, mecidos polas ondas do mar de Galicia. Hoxe está adaptada como un museo dedicada á cultura colombina. Nel pódense ver cómo foi esa primeira viaxe a América: as vicisitudes que sufrían os mariños nas súas travesías rumbo as Indias, as armas que levaban para defenderse, cómo preparaban os seus alimentos a bordo, as instrumentos de navegación empregados nas súas viaxes, as rutas que seguían, a súa relación cos indios nativos... 


Réplica de "La Pinta" exposta no porto de Baiona.

Saímos da réplica da carabela máis famosa da historia e dirixímonos ao corazón da vila. No peirao flamean as bandeiras de todos os países americanos, en conmemoración do Descubrimento que tanto marcou a historia desta vila da costa pontevedresa. Camiñamos xa polas estreitas rúas de pedra do casco histórico, un fermoso labirinto de tabernas e restaurantes ateigadas de comensais e de casas brasonadas que dan fe da nobreza dos liñaxes da vila. Gozamos da hospitalidade dos baioneses e dos manxares que nos serven. Cantan as gaivotas barcarolas aprendidas en illas ignotas sobre os tellados dos fogares baioneses, mollados de salitre mariñeiro.


A fermosa Rúa das Tres Carabelas de Baiona. 
.
Invitámosvos de todo corazón a que visitedes a Real Vila de Baiona. Merece moito a pena. Non vos arrepentiredes de camiñar polas murallas da fortaleza de Monterreal, nin de coñecer a réplica da  célebre carabela, nin de percorrer as súas acolledoras rúas de pedra. Para nós é hora de marchar. As nubes viaxan xa polo ceo de crepúsculo como carabelas brancas rumbo de portos ignotos. Deixamos atrás a Real Vila de Baiona, que nos despide coa visión das Illas Cíes pousadas coma tres esmeraldas nas ondas do mar. Adeus, Baiona: Volverémonos ver.


Un canón da Fortaleza de Monterreal apuntando cara ás Illas Cíes. 









Último día de estío

Mentres camiñamos, Xico move soamente a súa cacholiña cando eu asubío para chamalo, como se os chirlos do pardal e da pega non existisen. D...