sábado, 16 de marzo de 2019

Atenas de Galicia


Así como os filósosfos que predicaban nas ágoras atenienses e mais os artistas que cicelaban os ilustres mármores áticos foron decisivos para o florecemento cultural da Grecia clásica, tamén os escritores ourensáns contribuiron de maneira fundamental á literatura galega. Por iso, non é de extrañar que Ourense teña recibido o alcume de Atenas de Galicia.

A fonte das Burgas, un dos monumentos máis emblemáticos
de Ourense.


Hoxe propoñémosvos facer un percorrido pola Cidade das Burgas. Comezamos o noso paseo na Ponte Maior ou Ponte Vella, a ponte máis grande de todo o imperio romano, baixo cuxos arcos pasan as augas do Miño camiño do mar. As lousas cantan debaixo dos nosos zapatos a medida que camiñamos pola Ponte, símbolo da vella Auriense romana.

Cruzando a Ponte Vella para dirixirnos ao centro
da cidade das Burgas.

Despois acóllenos a Rúa do Progreso. Seguimos camiñando e chegamos a Rúa do Paseo, cos seus animados comercios. Pasamos diante da igrexa Santa Eufemia, seguimos a Rúa de Lamas Carvajal, outro ourensán que contribuíu ao Rexurdimento das letras galegas, e, finalmente, saímos a Praza Maior, centro neurálxico da cidade en que está a Casa do Concello. Logo, despois de deixar atrás a Igrexa de Santa María Nai, subimos pola Praza da Magdalena e pola Praza do Trigo e vemos a catedral. Na Praza do Correxidor, unha estatua de bronce homenaxea a don Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras.

Estatua dedicada a don Ramón Otero Pedrayo
na Praza do Correxidor.

Percorremos labirintos de rúas estreitas e, tras pasar a Praza do Ferro (cuxa fonte cuspe cantigas de prata diante dos brasóns do Pazo dos Boán), metémonos pola Rúa da Paz. Nesta rúa pegada a catedral naceron dúas das maiores figuras da literatura galega: Vicente Risco e Otero Pedrayo. Unha praca recorda hoxe o edificio en que viñeron ao mundo estes dous insignes ourensáns.

A fonte da Praza do Ferro, preto da tan literaria Rúa da Paz.

Na rúa de Cervantes, contigua a da Paz, naceu outro dos grandes narradores galegos: Eduardo Blanco Amor. "Os biobardos" e "A Esmorga" son algunhas das súas obras máis coñecidas que transcorren na súa Auria, sen contar "La catedral y el niño", escrita en castelán pero que tamén ten unha fonda relación coa cidade ourensá.

Estatua de Eduardo Blanco Amor na Praza
do Bispo Cesáreo.

Pasamos diante das Burgas, ateigadas de curiosos que comproban a elevada temperatura das augas termais. Paseamos xa debaixo das árbores do Xardín do Posío. A carón deste literario xardín está o Instituto de Ourense, en que impartiron clases don Ramón Otero Pedrayo e Risco, entre outros profesores ilustres. O sol morre xa detrás das montañas. O crepúsculo lembranos tamén outro gran escritor ourensán: Xosé Luís Méndez Ferrín. Mais é hora de marchar. Collemos pola Praza do Bispo Cesáreo e continuamos pola Rúa do Progreso. Cruzamos a Ponte Vella de novo. As primeiras estrelas danzan xa nas augas do Pai Miño. Detrás de nós queda Ourense, unha cidade que ten ben merecido ser chamada Atenas de Galicia.


Vista do Río Miño desde a Ponte Maior ou Ponte Vella.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Último día de estío

Mentres camiñamos, Xico move soamente a súa cacholiña cando eu asubío para chamalo, como se os chirlos do pardal e da pega non existisen. D...