domingo, 17 de marzo de 2019

Declaración de intencións

Hai tempo que este blog comezou e eu era o único que aínda non escribira nada até o momento. Realmente non sei que escribir, levo meses sen saber que escribir. Penso nos últimos intentos, en que cada parágrafo custaba suor e sangue, e, con todo, estaba mal. Non sentía ningunha chispa. E todavía continúo sen a ter. Mentres esperaba hoxe o bus, estiven pensando en que quero e por que estou a estudar filoloxía. Ultimamente non sentía a plenitude que eu pensaba que unha carreira así podería insuflar en min. Que sexa todo tan esquemático, tan carente de vida, tan instituto, tan "enchorchetado" como diría unha amiga... fíxome dubidar de se escollín ben o vieiro polo que quería camiñar.

De camiño á Coruña, dinme conta (sorprendido, iso si) de que no fondo da miña alma desprezo lixeiramente que a miña carreira se lle denomine "Lingua e Literatura" en lugar de "Filoloxía". O primeiro paréceme frío, afastado, técnico (no sentido de se ter que especializar nunha cousa concreta). O segundo paréceme máis axeitado para o que quero eu. Sei que non é fácil definir e entender que é a "filoloxía" no sentido de que é exactamente "amar as palabras"? Había tempo que non bsucaba e, para o meu ben, recordei cal é a finalidade deste campo do saber: reconstruír o sentido orixinal dos textos escritos, é dicir, entendelos total e profundamente.

Non estudo filoloxía para sacar a máxima nota posible, nin para probar o néctar ponzoñoso e agridoce do recoñecemento. Non quero ser traballador da universidade, nin escritor, nin profesor, nin editor, nin tradutor; non quero ver esta carreira como un medio para traballar. Para min debe ser un fin. Quero desfrutala, apertala forte para sacar o seu xugo. Quero entender como pensaban e sentían os antigos. Quero batallar con Aquiles e viaxar con Odiseo. Quero encontrarme con Quixote e Sancho. Quero sentir a luz na noite escura da alma. Quero tocar o contrabaixo e namorar a morte. Quero impregnarme das cousas dos outros feirantes. Quero deixar de sentir a insoportable levedade do ser. Quero o bico e o jazz de Rayuela. Quero o sorriso cego de Borges. Quero a extase sexual da que Hemingway sostiña que só se podía dar tres veces na vida se se facía coa persoa amada. Quero saber por que La Regenta é a mellor obra da literatura española. Quero entender aos que me rodean a través das súas palabras: non maliterpretalos nunca, sentir o que eles sinten, rir cando eles rin, chorar cando eles choran.  Quero ser capaz de transmitir aos demais a beleza dos libros. Quero aprender a expresar todo isto. Quero saber. Quero ser humano.

Pode que algún día o consigamos todos: a felicidade fóra de dogmatismos e regras, transformar a realidade en metáforas, facer das nosas penas bolboretas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Último día de estío

Mentres camiñamos, Xico move soamente a súa cacholiña cando eu asubío para chamalo, como se os chirlos do pardal e da pega non existisen. D...