O 23 de setembro de 1702, mentres Europa se batía polos dereitos ao trono español, chegaron as augas da bahía de San Simón os galeóns da chamada "Flota de la Plata". Escoltados por unha escuadra de navíos franceses, estes galeóns ransportaban nas súas bodegas o maior cargamento de tesouros xamais traído desde América. A súa función era financiar as campañas militares de España na Guerra de Sucesión. Neste conflito bélico España, co único apoio da Francia de Luís XIV, tomou partido por Felipe de Anjou, futuro Felipe V, mentres que o resto de potencias europeas implicadas (Alemaña, Austria, Países Baixos, Portugal) defenderon a causa do arquiduque don Carlos de Austria.
![]() |
Mapa que mostra as potencias europeas implicadas na
Guerra de Sucesión Española. (Fotografía do autor)
|
O destino dos galeóns era o porto de Cádiz, cidade que monopolizaba o comercio marítimo coas Indias. Mais a capital gaditana estaba cercada por unha flota anglo-neerlandesa. Á altura das illas Azores, o almirante español Manuel de Velasco y Tejada foi informado da presenza dos inimigos en Cádiz e decidiu refuxiarse na bahía de Rande, no fondo da ría de Vigo, alí onde as ondas bican a praia de Cesantes e a illa de San Simón, cinguida por un cendal de néboa, lémbranos a vella cantiga de Mendiño. As riquezas foron transportadas ata a cidade castelá de Segovia e desta a Sevilla. Nunha carta enviada por Juan de Larrea ao monarca Felipe V, dise que o valor da prata chegada á capital hispalense ascendía a 206 millóns de reais. Era, polo tanto, a maior suma de diñeiro xamais traída polos españois das Indias desde a chegada de Colón en 1492.
Un mes despois da chegada dos galeóns, o 23 de outubro de 1702, divisáronse no horizonte as bandeiras das Provincias Unidas e do Imperio Británico. A frota anglo-neerlandesa aproveitou a desfavorable situación dos navíos hispanos e franceses, atrapados no fondo da bahía, para disparar a pracer. Cantaron os canóns os seus himnos de pólvora, soaron os aceiros das espadas e voaron as balas dos arcabuces na que pasaría á posteridade como Batalla de Rande. A contenda saldouse cunha derrota total da frota española e da súa aliada francesa. As baixas do bando franco-español ascendían a máis de 2000 homes e todos os seus barcos foron afundidos ou capturados. Os anglo-neerlandeses só tiveron que lamentar 800 baixas e ningún barco perdido. No crepúsculo daquel 23 de outubro de 1702, cando o sol deitaba nas ondas do mar o seu rostro do cor do ouro vello, dos galeóns españois tan só quedaban madeiras en chamas, mastros caídos e tesouros mergullados nas profundidades do mar de Galicia.
Hoxe en día, a carón mesmo da Ponte de Rande, na lugar coñecido como a Fábrica do Alemán (pois desde aquí España mandaba o preciado wolframio galego para apoiar á Alemaña nazi), existe un museo dedicado ao estudo e interpretación da batalla de 1702. Nel podemos ver réplicas de canóns antigos, maquetas de barcos da época, uniformes militares... Ademais, uns textos informativos explican o contexto en que tivo lugar o enfrontamento. Tamén hai un espazo dedicado ao célebre novelista francés Xulio Verne, quen tamén sentiría a chamada dos lendarios tesouros de Rande. O autor de Nantes ambientaría nesta costa o capítulo VIII da segunda parte do seu famoso libro "Vingt mille lieues sous les mers", titulado precisamente "A bahía de Vigo". Neste capítulo os tripulantes do Nautilus mergullan no fondo da ría de Vigo e, cos tesouros dos vellos galeóns afundidos, financian as travesías do capitán Nemo.
Por todo isto, convidámosvos a visitar o Museo Meirande, no concello de Redondela. Nel gárdanse os segredos dun dos acontecementos máis decisivos da nosa historia. Situado a carón da Ponte de Rande, coa fermosa illa de San Simón no horizonte, o museo forma parte dun entorno máxico que nos transporta séculos atrás, aos tempos da batalla naval máis importante de Galicia. En definitva, Meirande ofrécenos unha oportunidade única de coñecer mellor a nosa historia e de mergullar nas augas da Ría de Vigo, como fixeron antano tantos aventureiros e cazatesouros coas súas escafandras na procura dos vellos galeóns e dos seus lendarios tesouros afundidos.
Unha escafandra exposta no Museo Meirande.





Ningún comentario:
Publicar un comentario