domingo, 7 de abril de 2019

Pontemaceira


No concello coruñés de Negreira, a poucos quilómetros da cidade de Santiago de Compostela, atopámonos coa xentil aldea de Pontemaceira. Neste fermoso municipio, a lendaria Ponte Vella salva cos seus arcos seculares as escuras augas do río Tambre, que pasa calado camiño das illas e das ondas do mar libre. 

Camiñando pola Ponte Vella de Pontemaceira. 


Pisamos as lousas da Ponte Vella, gastadas polo tránsito constante durante séculos de carros do país e peregrinos, e os nosos pasos parecen traer ecos de tempos esquecidos. Ao outro lado do río, o Pazo de Baladrón ergue as súas afiadas ameas e móstranos as súas paredes amortalladas polo sudario verde das hedras. 

O Pazo de Baladrón, erixido na ribeira do
río Tambre. 


A Ponte primitiva era de orixe romano e ten unha fermosa lenda xacobea. Esta dinos que os discípulos do Apóstolo Santiago, despois de navegar os mares desde o porto palestino de Jaffa e de remontar a ría de Arousa co corpo do fillo de Zebedeo nunha barca de pedra, buscaron un lugar onde dar sepultura aos restos do seu mestre. Os discípulos de Santiago non foron ben recibidos senón que foron perseguidos polos homes da Raíña Lupa, os habitantes pagáns da vella Gallaecia. A lenda di que despois de que os cristiáns cruzaban o río, a ponte derrubouse para que os seus perseguidores non os poideran alcanzar. Así, os discípulos lograron escapar e chegar ao Campo das Estrelas, onde descansaron por fin as cinzas do Apóstolo. Os restos de Santiago repousaron á sombra das árbores do Bosque Libredón ata que o ermitán Paio os descubriu, dando lugar así ao nacemento da cidade de Santiago de Compostela, erixida sobre o sepulcro.


A Ponte Vella, protagonista de tantas lendas, bicada polas augas do Tambre.

Séculos máis tarde, nos tempos de esplendor da Mitra Compostelá, a ponte foi reconstruida para que os peregrinos poidesen continuar o seu camiño ata o Fin do Mundo. Alí, en Fisterra, onde rematan as terras da vella Europa e comezan os dominos do Marem Tenebrosum, reino de brétemas e monstros mariños, os peregrinos completaban a súa viaxe. Remataban así o Camiño, despois de seguir a Vía das Estrelas para visitar o sepulcro do Apóstolo e de contemplar as ondas que baten as costas do Finis Terrae.

Unha casa de Pontemaceira con vistas ao
río Tambre. 


Despois de cruzar a Ponte Vella, camiñamos polas rúas estreitas da pequena aldea. Pequena pero moi viva. Hai nenos xogando nos escanos das casas, turistas que sacan fotografías e veciños que conversan amenamente das súas cousas, mentres o sol xa se deita detrás dos cumes e as luces do solpor pousan nas ás das bolboretas e das libélulas que voan nas ribeiras do Tambre.


Un cruceiro de pedra en Pontemaceira.


Despois visitamos os muíños que parecen deitados no leito das augas do río. Xa non moen, están apeados. Mais no pasado foron o lugar de reunión e festa dos veciños de Pontemaceira, onde transcorrían os traballos e os días. Desde alí verían pasar os peregrinos cos seus bordóns, cos ollos extasiados aínda pola contemplación do Pórtico da Gloria, escuplido polo sagrado cicel do Mestre Mateo.

Interior dun muíño de Pontemaceira.


Hora de marchar. Collemos o camiño de volta. Nós ímonos pero Pontemaceira queda. Por iso recomendámosvos que visitedes este fermoso municipio coruñés, cheo de beleza, paz e lenda. Non vos arrepentiredes de cruzar a súa vella ponte de pedra, bicada docemente polas augas do Tambre, que cruzaron, cruzan e cruzarán tantos peregrinos camiño das terras fin do mundo. Estades invitados.

Vista do río Tambre desde o interior
 dun muíño.






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Último día de estío

Mentres camiñamos, Xico move soamente a súa cacholiña cando eu asubío para chamalo, como se os chirlos do pardal e da pega non existisen. D...